Proxecto dirixido ás familias agrarias produtoras de Galicia
O proxecto Granxafamiliar com nace a partir dunha investigación levada a cabo en Galicia e Irlanda entre o ano 2003 e 2006 e financiada pola Fundación Feiraco, polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia(GIS-T IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela. Estivo centrada no análise socioeconómico, cultural e tecnolóxico das familias agrarias produtoras das cooperativas Feiraco e Drinagh. Puidemos cuantificar, entre outros temas, a dimensión da produción agraria familiar destinada ó autoconsumo e parcialmente comercializada por canais informais, que en Galicia poden chegar a representar unhas rendas potenciais duns 12.000-16.000 euros promedio por familia sendo os produtos moi diversos; tales como carnes variadas de vacún, porco, aves diversas como “capón”, pavo, faisán, etc; froitas diversas denominadas do “país” incluídos froitos secos como castañas, noces, etc; hortalizas variadas de todo tipo, patacas, grelos, cenorias, leitugas, ademais de produtos elaborados como queixos, mel…Granxafamiliar com está dirixido ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural; que no pasado destinaban a súa produción basicamente ó autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducir no mercado dita produción. E polo lado da demanda a calquera comprador, sexa familia, colectivo, empresa en xeral, institucións sociais, etc. Que se sintan atraídos polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio que podemos cualificar como a máis xusta para Galicia. Trátase de establecer canais de información e de rendas entre o medio rural e urbano.
En decembro do ano 2008, os produtores de Granxa Familiar e os membros do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela que impulsan o proxecto, acordaron crear a asociación sen ánimo de lucro ADAF: Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar. Esta asociación comparte os mesmos fins que Granxa Familiar e pretende darlle continuidade e xestionar este proxecto de I+D+i que sustenta na actualidade a Universidade de Santiago.
Na reunión constituínte do mes de decembro de 2008, á que asistiron a práctica totalidade dos produtores participantes neste proxecto e os membros do grupo de investigación que o impulsa, procedeuse ao debate, consenso e aprobación dos distintos artigos que compoñen os seus estatutos; definiuse o sistemas de cotas para os socios produtores e non produtores, elixíronse os distintos cargos da Xunta Directiva e á súa vez, sinaláronse as posibles actuacións para impulsar o crecemento e viabilidade da asociación.
En febreiro do ano 2009 a Xunta Directiva mantivo a súa primeira reunión, co gallo de deseñar as principais liñas de traballo da asociación. Entre elas están o deseño de dous programas de visitas as granxas cunha dobre vertente, unha didáctica dirixida ós centros de ensino, e outra turística para as familias de orixe urbano con interese en coñecer o estilo de vida e os sistema de produción natural das diversas granxas familiares galegas, amais do entorno cultural, social e paisaxístico onde se emprazan. Tamén se acordou un calendario de feiras ás que asistirá a asociación e Granxafamiliar para dar a coñecer os seus produtos e actividades, con especial incidencia en Madrid, Barcelona, Bilbao, A Coruña e Vigo. Outros acordos tiveron que ver coa necesidade de impulsar unha campaña de información dirixida ás familias sobre o uso eficiente da actual loxística de transporte; así como tamén a oportunidade de deseñar e ofertar a través de Internet lotes de produtos naturais e ecolóxicos dende cada unha das granxas.
Granxa Familiar traballa directamente coas familias produtoras na promoción dos produtos galegos de calidade que se ofertan e que os clientes poden apreciar in situ visitando as granxas. Trátase dun produto de agricultura familiar netamente natural, coidado con esmero e moi lonxe da produción industrial. A práctica do autoconsumo propia do minifundio tradicional e os alimentos producidos nas granxas alimentaron durante moitas xeracións ás familias galegas. É unha idea que nos comprometemos a coidar por ser patrimonio cultural de todos os galegos e galegas, e que consideramos nos corresponde a nós, xeracións máis novas, preservar para evitar a súa desaparición.
Para levar a cabo o proxecto Granxa Familiar, asinouse un convenio entre: Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Brión, Concello de Antas de Ulla, Obra Social Caixa Galicia, Fundación Feiraco e Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. O proxecto está coordinado polo GIS-T IDEGA.

